A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra presentou onte a nova versión da súa páxina web, a primeira que contén unha descrición completa do itinerario desde Ponferrada ata Compostela. A presentación correu a cargo da presidenta do colectivo, Aida Menéndez, e celebrouse no centro social de Novacaixagalicia en Monforte en presenza dos representantes de diversas institucións e asociacións locais.

O novo sitio encóntrase no enderezo Caminodeinvierno.com e divide o percorrido -de 209 quilómetros en total- en sete etapas que teñen respectivamente os seus puntos de inicio en Ponferrada, Puente de Domingo Flórez, A Rúa, Quiroga, Monforte, Chantada, Rodeiro e A Laxe, no municipio de Lalín.

 

Ruta alternativa

No tramo situado entre Quiroga e Monforte, por outro lado, indícase a existencia dun percorrido alternativo que pasa polas localidades da Covela -en Ribas do Sil- e A Barca de Paradela, na Pobra do Brollón. Este ruta secundaria está cortada actualmente polo río Sil, onde existía antigamente un paso de barcas. Os autores da web, porén, recomendan visitar estas zonas polo seu especial interese paisaxístico.

As seccións dedicadas a cada unha destas etapas conteñen unha descrición xeral do percorrido, un perfil de altitudes da ruta e numerosas fotografías dos lugares representantivos de cada un destes tramos. Nestes apartados indícanse ademais os principais puntos de interese histórico e monumental de cada etapa.

Aida Menéndez resaltou a importancia que pode ter a nova web para a promoción do Camiño de Inverno, sinalando que a versión anterior só describía unha parte da ruta e estaba sen actualizar desde había anos. Nos últimos tempos, o itinerario foi promocionado tamén a través da páxina Mundicamino.com, que ofrece información sobre todas as rutas xacobeas da Península. Segundo indicou Menéndez, os visitantes desta web mostran moito interese por informarse acerca do Camiño de Inverno aínda que o seu contido neste aspecto é moito máis reducido e esquemático que o que ofrece a nova páxina da asociación lucense. Os promotores do camiño esperan que a web renovada responda a estas expectativas e contribúa dunha forma decisiva á popularización do itinerario.