Como despedida das actividades desta primeira metade do ano a Asociación fixo o percorrido RODEIRO - PONTE PEDROSO.
Despois da camiñata, na que o tempo non acompañou, visitamos a igrexa de S. Xulián de Ventosa, onde contamos coa inestimable guía de Daniel González Alén, colaborador habitual da Asociación e ao que transmitimos o noso agradecemento, que nos deu unhas pinceladas sobre esta espectacular igrexa románica.
Finalmente, despois do xantar de confraternidade, celebramos unha Eucaristía na capela de Monte Faro, onde pedimos a intervención da Virxe en axuda, por unha parte para a nosa Asociación, e sobre todo para a recuperación da nosa presidenta, Aida Menéndez, que está a atravesar uns moi difíciles momentos de saúde.
Xa unicamente nos queda a viaxe que realizaremos a Francia a primeiros do mes de xullo, despois faremos un receso nas actividades para recuperalas no mes de setembro, onde comezaremos coas Xornadas Científicas que celebramos cada ano.
Tan só queda agradecer a todos os socios e colaboradores que fixeron posible a continuidade das actividades da Asociación un ano máis, esperando que todos os participantes disfrutaran de todas elas.
Para rematar incluímos a noticia publicada en medios sobre a xornada:
A “ASOCIACIÓN DO CAMIÑO DE INVERNO POLA RIBEIRA SACRA” PERCORREU A ETAPA RODEIRO - PEDROSO.
A abundante chuvia caída o domingo non foi dabondo para evitar que medio cento de membros da Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra con sede en Monforte de Lemos, cumprira co programa previsto en terras de Rodeiro e Agolada. Na xornada de mañá, o colectivo percorreu a etapa do camiño entre a vila de Rodeiro e a Ponte de Pedroso, e deseguido visitou a igrexa de Ventosa en Agolada, onde o cronista dezao e colaborador da Asociación, Daniel González Alén, fixo de guía e ofreceu algúns apuntamentos desta notable igrexa románica, dos seus extraordinarios baldaquinos, enterramentos e pinturas dos séculos XIV e XV, da que se coñece coma a “catedral da arte rural galega”.
Pola tarde, logo de xantar no restaurante da Latiza, os peregrinos deste colectivo xacobeo, asistiron unha misa na capela do Faro oficiada polo sacerdote-rector Xavier Diéguez deste santuario mariano, dedicada a súa presidenta Aída Menéndez Lorenzo, a quen unha grave enfermidade ten afastada das actividades desta asociación que ten sido decisiva e pioneira no recoñecemento e posta en valor do Camiño de Inverno a Compostela, segundo puxeron de manifesto os membros da directiva Manolo Eiriz, Javier Aira e Ana Lima, que pronunciaron emotivas palabras ao remate do acto relixioso do Faro.